Páginas

martes, 29 de mayo de 2012

Uns que veñen e outros que se van

Si por unha banda chega flota para poder loitar contra a escaseza de traballos dignos sobre todo por estes recunchos galegos, nos cales o mar está safando a centos de familias, por outro lado tamén chega o fin á vida de barcos que xa forman parte da nosa historia mariñeira. Os barcos MªJose e Olaya (na foto) xa están convertidos en leña despois dunhas simples pisadas cunha pá en pleno Río Grande, no asteleiro porteño. Detrás destes recentes desguaces están as resolucións que a Consellería do Mar está ultimando con outros dous barcos camariñáns. Todos eles maiores de 20 anos e construídos con madeira, material cada vez máis extinguido e sustituído polo poliester. Ao carón da transformación dos buques pesqueiros, a dos carpinteiros...renovarse o morir.

jueves, 24 de mayo de 2012

Timadores especializados en carteiras andan buscando firmas para construir un asilo en Camariñas

Neste lugar os timadores foron sorprendidos en plena faena
Esta mesma mañá de Xoves, unha parella con boa apariencia física andaban buscando firmas para facer unha residencia de maiores en Camariñas. Todo absolutamente falso, os avispados tipo e tipa duns escasos 40 anos, según fontes que recibiron a súa visita, eran sorprendidos cando trataban de timar a un xubilado armador moi coñecido na nosa vila. Cunha profesionalidade que aínda non se explican os afectados como poden facer, piden o nome e apelidos a cambio de nada, evidentemente despois piden o número do DNI e como saben que normalmente as persoas de máis idade non o saben de memoria, unha vez abren a carteira e buscan o seu carnet, un simple toque persoal en forma de resbalón "cas pertinentes disculpas" fixo que os señores Tono, Manolo e sobre todo Juán se decataran ao ver caer o billete de 50 euros que tiña na súa carteira  sen atopar explicación á súa rapidez. Juán, que neses intres axudaba a reparar as redes de Pepe, armador do barco Panchita, apoiábase nunha pequena banqueta  pero non para aguantar das mallas senón para darlle con el nas costelas se non lle devolvían o diñeiro esfumado. Iso fixo que a paso veloz soltaran o que non era deles e se esfumaran pola rúa da capela do Carme sobre as 12:30. Seguramente nestes intres estean planeando facer algunha visita a outros lugares da nosa Bisbarra ou sigan no noso Concello, dende Camariñas Directo lanzamos unha ALERTA a todos os lectores. Non se sabe si son os mesmos pero fai escasos meses xa fixeron presenza con estas mesmas sucias prácticas, individuos da mesma calaña conseguindo extraer algún billete.

A Comisión de Pesca do Parlamento aproba unha proposta socialista para regular a seguridade na pesca deportiva

Marisol Soneira e Carmen Gallego - Foto e fonte PSdeG-PSOE
No día de hoxe, aprobábase por unaminidade no Parlamento de Galicia unha proposta socialista encabezada pola voceira de Pesca, Marisol Soneira. A camariñana que posiblemente sexa a persoa que máis vive o mar de preto (non só no sillón parlamentario) polo contacto directo que ten con el, por aficción á pesca deportiva e pola súa vena mariñeira lembraba que cada ano en Galicia, entre 10 e 15 persoas perden a vida realizando estas prácticas. Máis ou menos reguladas as correspondentes medidas de seguridade en pesca a flote, a pé non sucede o mesmo. Marisol recalcou que non existen na actualidade "normas de obrigado cumprimento" como son o uso de chalecos e sistemas de localización en caso de accidente nas rochas. A partires de hoxe e nun prazo de 3 meses, medidas como estas evitarían varios contratempos que van dende o accidentado ata nós mesmos e razón non lle falta, daí a unaminidade na Comisión de Pesca. Pode parecer ridículo o uso dun chaleco con sistema GPS, incluso a día de hoxe un profesional que use o chaleco a diario nas súas tarefas recibe vaciles por parte da ignorancia establecida en cada vez menos, homes rudos e lobos de mar (o cementerio está cheo de valientes). Aparte de que nun resbalón na costa durante a pesca, a flotabilidade pode evitar unha rápida morte, máis facilidade de localización e un custe de 6000 euros á hora polos servizos que nos prestan na actualidade os helicópteros. Tan só evitar unha morte, xa é rentable, valga o que valga un flotador.  Noraboa pola proposta aprobada.

martes, 22 de mayo de 2012

Gas Natural Fenosa presentou un proxecto de repotenciamento do Parque Eólico do Vilán

Fai máis de 20 anos, un proxecto eólico prácticamente pioneiro en Galicia prantábase no entorno do Vilán e limítrofes sendo expropiados miles de metros cadrados de terreos privados a custes ridículos (incluídos parentes do presente). O aeroxerador máis potente de España por aquel entón (ano 1990) cun custe de 1500 millóns das antigas pesetas instalábase nunha das zonas máis ventosas da península levantando as súas aspas de 30 metros unha altura equivalente a 20 pisos e tellado, bautizado como AWEC-60, agora unha aspa serve de indicador ao lugar que foi tamén reclamo de turistas. Na actualidade, 23 aeroxeradores de máis de 1000 kw cada un e cunha vida de 20 anos esgotada, compoñen o actual parque eólico do Vilán (dos máis antigos de Galicia) cunha potencia totalitaria de algo máis de 3 megawatios. Cos anos, algún que outro particular tivo diferente sorte e xa non se aplastaba ao pobre tan descaradamente e todo aquel aeroxerador que pisara terreo privado sería aceptablemente bonificado aos seus propietarios. A día de hoxe e según fontes de Radio Nordés, Gas Natural Fenosa presentou un novo proxecto, máis potente en megawatios (4,2mw) e con tan só 3 aeroxeradores . No camiño topouse con Adega, a asociación ecoloxista pide "sexan retiradas estas eólicas polo grave erro histórico medioambiental " e que Vilán quede libre. Tamén consideran que os novos muíños que pretenden instalar van facer aínda máis dano nos terreos debido a que teñen que anchear máis os camiños, integrados na Rede Natura e no LIC (Lugar de Interés Comunitario) Costa da Morte, sendo necesario xustificar as "razóns imperiosas de interés público de primeira orde e demostrar que non se poden levar a cabo noutros sitios", consulta que hai que elevar á Comisión Europea. En pleno debate "protexer a nosa costa virxe e que sexa productiva económicamente ao mesmo tempo" abre un frente entre ecoloxistas e adiñeirados empresarios que consideran que os toxos e diversas paisaxes virxes, non producen traballos, servizos nin caixa.  No medio deles, a propiedade dos terreos...si é pública, beneficios para o Concello...si é privado, para os seus donos (entre outros).

domingo, 20 de mayo de 2012

O desagüe da piscifactoría do Vilán está convertindo a Arnela en punto de encontro para ducias de pescadores

Foi obxecto de polémica a instalación deste tipo de granxas de peixes sobre todo no referente ao medioambiental pero o que sí está claro é que o desagüe que desemboca na Arnela de Camariñas está sendo frecuentado por pescadores de toda a Bisbarra e cada día máis. A especialidade da pesca é a captura de "muxos". Unha, porque os de terra adentro seguen valorando a mancha amarela dos da costa e outra porque esto da pesca, nadie sabe exactamente o que se sinte ata que se practica. Algúns confesos de "mono" cando o tempo ou o traballo o permite acércanse ata Camariñas non vendo inconvinte en facer case 100 km e deixar as fins de semana e festivos as terras compostelanas para coincidir con xentes de Camariñas, Sta Comba, Baio, etc. No medio das osixenadas e revoltas augas, centos, miles de muxos póñense a flote e no medio sempre pode saltar algunha que outra sorpresa en forma de captura. De feito, en escasos 20 minutos que o noso obxetivo apuntaba ao pescador da foto, conseguía poñer na súa cesta un sargo de 1 kg. Ao mesmo tempo, unha señora atrapaba outro pero desta vez con menos fortuna "petan moito, e sen troeeel". Ducias, espandidos polas puntas lindantes da nosa Arnela son os aficcionados e aficcionadas que lanzan cas súas canas os seus sedais e por qué non "o estrés" nun dos lugares máis tranquilos da nosa costa.

sábado, 19 de mayo de 2012

"Disque" un novo Bar abrirá as suas portas próximamente en Camariñas

Atrás quedan os chiquiteos do antigo Bar Castillo, épocas onde fora pouco ou fora moito, máis ou menos traballabas para ti. Agora, en plena e carísima Democracia resulta un pouco máis complicado "si non houbera que pagar tantos impostos" rexentar un negocio e que fructifiquen as inversións. Con todo iso, en plena crisis bancaria nacional, unha parella de xóvenes veciños de Camariñas abrirán próximamente a reformada cafetería situada na Rúa do Castillo, a carón do Hostal Dársena. Os últimos retoques e cambio de nome están sendo todo un éxito. Curioso nome composto por unha palabra  tan  orixinal de vilas pequenas especialmente  en Camariñas, Café Bar "DISQUE". A pesares de que as xeracións van cambiando, segue sendo  común escoitar disques para diestro e siniestro...cousas da vida. Sen máis, desexar como se fai en todos os casos que se mencionan aquí, moita sorte aos novos autónomos. Disque vai rexentalo un xenro do carismático e  apreciado para esta redacción "Pepe". Tamén disque vai dar sabrosas tapas e bos viños. A falta de confirmar cos seus propietarios, Disque vai ser así, según fontes próximas.

jueves, 17 de mayo de 2012

A Comisaria Europea de Pesca promete levar ao Parlamento Europeo as inquedanzas da flota artesanal

María Damanaki
Despois da reunión mantida por representantes da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, encabezada polo flamante presidente, Genaro Amigo, a Comisaria Europea de Pesca, a grega María Damanaki mostrou interés en apoiar varios dos puntos máis importantes que se negocian ca nova Política Pesqueira Comunitaria  especialmente co sector da pesca artesanal. Unhas prácticas de pescar totalmente diferentes as dos buques factoría. O noso sector reclama que se revisen e adapten á realidade as novas cuotas transferibles (ITQ) e solicitan que non se cerre o grifo ás axudas por paradas biolóxicas á flota artesanal (onde está esa flota que recibe prestacións?) e moito menos aos desguaces. Ademáis demándase que o fondo europeo de pesca non retire as axudas á construcción de novas lonxas e que se retrase o Rendimento Máximo Sostible (RMS) máis alá do 2015. Parece ser que a satisfacción dos pósitos españois coa grega son positivos pero agora falta que os demáis países membros da Unión Europea estean dacordo e así poder satisfacer ámbalas partes (Bruselas e Pescadores). Ao remate desta reunión que durou máis de hora e media, o Presidente da Federación Nacional de Confrarías deixou unha pedra no tellado do Goberno Español indicando que defenda os intereses da flota de baixura sobre todo no relacionado ao Sistema de Cuotas Transferibles. A actitude da comisaría levantou algo de optimismo a uns e segue o pesimismo noutros. Javier Garat (secretario xeral  de CEPESCA) considera que "van mal" as negociacións e vaticina máis paro no sector. Recalca que o descoñecemento real do sector en Bruselas está sendo influenciado negativamente pola ONG ecoloxista. Vai máis alá co seu convencemento de que moitos deputados con asento no Parlamento Europeo non teñen idea de pesca e as actitudes radicais que se pretenden impoñer están a protexer máis aos animais que as persoas. 

jueves, 10 de mayo de 2012

Prohibido pescar merluza cando remate esta semana?

A pesares de que ningún medio informativo fai mención ao respecto (ata o momento), humildemente atrevémonos a adiantar que a partires da vindeira semana, queda terminantemente prohibido pescar merluza (mínimo ata Xullo). A Comisión Europea de Pesca e o medio esgotado TAC din que hai que tirar toda a merluza que veña nos palangres, nin un só exemplar abordo. Coa veda do polbo tamén en curso, queda unha apetecible opción para os centos de barcos que viven únicamente do palangre e das nasas, ir ao congrio. Con un pouco de sorte e con toda a flota en acción, aparte de sobreexplotar a costa por completo, este peixe podería acadar prezos desorbitados que tranquilamente poderían rondar os 10 céntimos kilo, é dicir, un barco que consuma entre gasoil, carnadas e custes de seguros, montepíos e mantemento dos palangres, uns 200 euros diarios...cunha sabrosa captura de 700 kilos de congrio, as ventas rondarían os 70 euros...dahí sacas vendedor e transportista e o sobre a recibir pode rondar os 20 euros...tan só 180 euros de perdas diarias. Como iso non lle cadra a ninguén, sería como chicar o mar cun tolete, a maioría da frota amarrará e esperará dous meses a velas vir. Si a iso lle engadimos os meses de mal tempo, o choio de pescador convírtese en pecador. Todas as medidas de mellora son positivas e máis se trata de recuperar caladoiros pero nunca nos últimos anos, houbo tanto peixe deste tipo. Estudos científicos certifican que recuperou máis do 54% a cantidade de xarda e pescadilla. Tranquilamente podería recuperar un 1.189% si se prohibe pescar nada durante vinte anos e así as rías encheríanse de todo tipo de especies para que os ricos, nos meses de vran poideran cas súas innovadoras lanchas, traxes de neopreno e canas de pescar, divertirse cos tan apetecibles polbos, robalos, centolas e cabalas. E nós, por qué non, ser rescatados tipo Bankia e vivir do noso entorno virxe.

lunes, 7 de mayo de 2012

O malpicán Genaro Amigo reelexido presidente da Federación Nacional de Confrarías con el mesmo como único rival

Genaro Amigo - Foto La Voz de Galicia
Nin os meus compañeiros de trincheira, nin eu e me parece que moi poucos mariñeiros de pesca artesanal deste cacho de costa sabemos o que realmente se está cocendo en Bruselas nin que forza ten a voz do máximo representante da pesca en Galicia e do resto de España. O pouco que se sabe é gracias aos principais medios de comunicación senón tampouco saberíamos que onte era reelexido Genaro Amigo presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, cargo que sostenta co de patrón maior de Malpica e co de presidente da federación de pósitos da provincia da Coruña. Imposible polo tanto que un señor así teña un oco na súa axenda e máis se o tema trata dos diversos métodos de pesca en toda España. Esas poden ser unhas das razóns polas que sexa imposible reunir a mariñeiros, armadores e patróns de baixura, da Costa da Morte aínda que fose unha vez cada 4 anos,e, a poder ser, explicar de que vai eso da PPC (Política Pesquera Comunitaria). Según os medios de comunicación, parece ser que se vai traballar sobre a sostenibilidade e viabilidade dos nosos recursos. "Disque" os barcos de máis de 12 metros non sei qué..."Disque" haberá cambios na política dos desguaces...Non sei qué dos TAC e non sei canto de cada patrón facer informáticamente documentos que sería preciso algún curso de iniciación dun PC para moitos profesionais do mar. Confiamos que sendo da nosa costa, a nosa voz, a voz de Amigo vaia ben asesorada e recalque a María Damanaki "os intereses da baixura". A pesca artesanal, por natureza, é moi sencilla e limitada e representa unha das fontes de riqueza máis importantes do panorama pesqueiro na Costa da Morte (en toda). Sen máis, felicitar a Genaro Amigo Chouciño por este novo mandato e moita sorte nesta andaina que curiosamente ninguén máis se presentou. 

sábado, 5 de mayo de 2012

Inaugurouse o Museo Nacional da Ciencia e Tecnoloxía pero falta patrimonio camariñán pioneiro ca electricidade

Antiga lente do faro Vilán - Foto Terra.es
Fai escasos días que se ven de inaugurar o primeiro Museo Nacional da Ciencia e Tecnoloxía en Galicia. Unhas 300 pezas que forman parte do progreso científico e tecnolóxico na nosa peninsula e no mundo enteiro son expostas ao público neste gran edificio executado por 23 millóns de euros. A misión principal do museo é a divulgación deste auténtico patrimonio entre os cales destacan a primeira lente que usou a Torre de Hércules, a cabina do Jumbo "Lope de Vega", o primeiro reactor nuclear en cadea, a primeira bombilla, o primeiro citroen 5 c.v e incluso o inventor da cremalleira. MUNCYT, inaugurado polos príncipes Felipe e Letizia alberga dous peculiares robots que detallan aos visitantes a ampla exposición que hai no interior  pero Pepexán e Marilú quizás non saben que a primeira linterna que funcionou con electricidade nun faro español foi da provincia herculina e fíxoo porque é dos faros máis importantes da costa atlántica. Foi na noite dun 15 de Xaneiro do 1896, ao mesmo tempo que se iluminaba con electricidade a Estatua da Libertade en Nova Iork, cando o Faro Vilán ao cargo de 8 torreiros, acendía as dúas máquinas de vapor de 12 c.v para xerar a luz que necesitaba a potente lente en cada destello, producido cada 20 segundos e tardando en xirar os 360º máis de dous minutos. Hoxe en día está perfectamente ubicada no edificio do faro camariñán no seu particular museo pero unha mención tecnolóxica e científica ao respecto non estorba, saber do noso pasado é avanzar en tecnoloxía, investigación e innovación no futuro. Con todo esto, non se saca un ápice ao mérito do emblemático Prisma de Cristal, na Coruña. 

martes, 1 de mayo de 2012

Un grupo de estudiantes do instituto do Concello de Camariñas gañou un concurso a nivel nacional sobre o Parlamento Europeo

Foto: La Voz de Galicia
Interesante a nova que hoxe fai mención a Voz de Galicia sobre un concurso cun proceso longo sobre o envellecemento activo. Un grupo de estudiantes de 3º de ESO do Instituto Pedra da Aguia, na Ponte do Porto foi seleccionado como o gañador de dito certame que se elaborou a través da internet entre máis de 100 centros de toda a península (incluídos privados e concertados). Traballaron sobre Camariñas e Eslovenia e tiveron que ir dando respostas ás demandas do Parlamento Europeo. Dirixidos por Jacobo Santos, xefe de estudios e mestre de sociais fixo sentir a súa satisfacción porque os seus pupilos competiron ata con alumnos de 4º e Bachelerato. Como premio, poderán ir a Estrasburgo o vindeiro ano e visitarán o parlamento europeo. Sen lugar a dúbidas estamos a falar dunha nova que non sempre é doado conseguir e máis si a competición foi desenrolada entre os mellores de España. Felicitamos dende Camariñas Directo a este grupo de alumnos do noso concello e a Jacobo por traballar maxistralmente con eles...como para que a actual presidenta arxentina, Cristina Fernández de Kirchner confese a periodistas "sentir vergoña da súa descendencia galega e da súa infancia e adolescencia". !! Noraboa compañeiros !! Galegos e a moita honra.